Ad Code

Pon aquí tu publicidad

O Pote

Recipente de ferro fundido, con panza esférica, tres patas e boca cilíndrica unida por dúas asas que serven para suspendelo na lareira, o pote é o símbolo popular da gastronomía galega. Descoñécese a súa orixe, mais sábese que era imprescindíbel para cociñar o caldo até o século XX. Colgado dunha cadea chamada gamalleira, unida a un tronco de madeira coñecido coma burro, podía xirar de dereira a esquerda sobre a pedra base da lareira, onde se atopaba o lume. Este burropodía formar parella con outro recipente coñecido como caldeira, moi útil para quentar a auga para os animais domésticos. A función principal do pote era a de preparar a comida diaria, principalmente o caldo, que requiría dun ritual especial. Para non perder tempo diurno facíase pola noite. Primeiro botábanse as fabas en auga fría; unha vez fervidas metíase a carne desalada do porco, as patacas, cun pouco de unto e, finalmente, a verdura, todo elo cocido lentamente sen interrumpir o lume para evitar o encrúo. Tamén se lle podían engadir os bolos do pote, consistentes nunha masa de fariña de millo con cebola e anacos de touciño picado dándolle forma de bola e deixándoo cocer durante bastante tempo co caldo. Había familias que tiñan dous potes de diferentes tamaños. O grande era para facer a comida principal e unha vez frío gardábase na despensa, única estancia refrixerada. Deste lugar sacábanse as racións diarias a outro máis pequeno, evitando desta forma a fermentación. Co caldo sobrante facíanse outras comidas secundarias, como as papas de millo ou as papas da berza

Fonte: Modesto García Quintáns

Publicar un comentario

0 Comentarios